FAI CLICK NA IMAXE PARA VER O VIDEO
Desde a Coordenadora Antitouradas queremos agradecer aos diferentes colectivos participantes, así como ao medio milleiro de persoas que secundaron a nosa mobilización, o seu apoio e compromiso activos coa causa da erradicación das touradas, superando con creces a cifra de asistentes no ano 2008 e conseguindo a maior demostración de oposición ás touradas na historia da cidade. Algúns xornais, como “La Voz de Galicia”, nunha mostra de “profesionalidade” e “veracidade informativa”, reduciron a 40 os participantes, mentres que Xornal de Galicia sí que daba conta da cifra real de asistentes. De todas formas, a todos e todas vós, que facedes posíbel o soño dunha Pontevedra libre do maltrato e sadismo cara os touros: grazas. (a crónica continúa despois da galería de imaxes que podedes ver a continuación)
Minutos antes das 19h da tarde, dúcias de persoas ían chegando á praza da Peregrina para se concentraren e saíren contra as 19:20h en manifestación polas rúas da cidade. Os diferentes colectivos despregaban as súas faixas, a meirande parte delas con motivos alusivos á degradante “festa” dos touros, mentres un gaiteiro amenizaba a mobilización xa desde o comezo. Durante o traxecto puidéronse escoitar diferentes palabras de orde, tal como: “A tortura non é festa nen cultura”, “Ilegalizar o maltrato animal”, “non son artistas, son asasinos” ,”touradas fóra da Galiza” ou “festas populares, sen atrocidades”. A manifestación creou expectación na rúa, e numerosas persoas ían uníndose conforme avanzaba polo centro de Pontevedra. Ao finalizar deuse lectura ao manifesto (que adxuntamos liñas abaixo) e agradeceuse a participación dos colectivos e manifestantes. Na mesma tarde, tres matarifes torturaban os primeiros seis touros dos 24 que serán asasinados nestas dúas fins de semana.
Moitos dos participantes adquiriron antes do comezo os panos verdes editados pola Coordinadora Antitouradas, para subvertirmos así o significado que os pro-touradas conceden ás festas de agosto na cidade, e en particular o fenómeno das “peñas” xuvenís. A marcha percorreu o centro de Pontevedra entre consignas pola abolición da tauromaquia e en defensa dunhas festas populares e sen touradas, para rematar na mesma praza uns tres cuartos de hora despois, onde tres activistas da Coordinadora agradeceron os numerosos apoios recibidos e leron o manifesto, con reivindicacións concretas dirixidas ás institucións.
No entanto, as administracións públicas continúan a colaborar na pervivencia desta barbarie. Á mesma hora que centos de manifestantes ocupaban as rúas, destacados cargos públicos (incluidos o presidente da Xunta Núñez Feijoo, o da Deputación, Rafael Louzán e o ministro de Fomento, José Blanco, así como o Delegado do Goberno, Antón Louro) decidían ratificar publicamente o seu apoio á tortura de animais como divertimento coa súa presenza na praza de touros.
A manifestación demostra que o movimento antitouradas medra ano tras ano, ao consolidarse a oposición social a unha festa baseada no sofrimento dos animais, a pesar do maioritario silenciamento mediático, que chega ata o extremo de non aproveitar o traballo realizado polos seus reporteiros gráficos. Trátase dunha carreira de fondo que só ten un final posíbel: a erradicación desta lacra da nosa cidade. Estamos seguros de que o conseguiremos.
A continuación colamos o manifesto: Continue a ler ‘Manifestación Histórica contra as touradas en Pontevedra’


















































