03
Ago
11

Convocada a manifestación antitouradas 2011 para o 13 de agosto (e xa van 4 anos!)

Por cuarto ano consecutivo vai ter lugar a xa tradicional manifestación antitouradas, que baixo o lema “Touradas fóra de Pontevedra” e froito da dinámica asemblear e unitaria iniciada no ano anterior levará ás rúas da cidade a oposición á barbárie taurina e a demanda da abolición da tauromaquia. Será o sábado 13 de Agosto ás 20h con saída e remate na praza da Peregrina.

evento en facebook

A presentación pública da campaña 2011 tivo lugar o pasado1 de Agosto no local da Apdr (Asociación pola Defensa da Ría), á que acudiron numerosos medios locais. Ademais da manifestación do día 13, os membros/as da asemblea unitaria anunciamos a entrega das demandas antitaurinas ás diferentes administracións responsábeis no rexistro da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra. Será o o próximo xoves 4 de Agosto ás 11 h. Tamén se realizarán diferentes accións de denuncia que serán convocadas en próximas datas, así como a edición de folletos informativos e cartaces. (podes descargalos ao final do artigo)
Da asemblea unitaria e aberta  ”Touradas fóra de Pontevedra” convídase á participación de todas e todos aqueles/as que simpaticedes coa causa. Será este mércores 3 ás 20:30h no local dos sindicatos en Pontevedra.
A continuación o manifesto 2011 e descarga de materiais:
05
Ago
10

Precinto simbólico da praza de touros de pontevedra

FAI CLICK NA IMAXE PARA VERES O VIDEO

A Coordenadora Antitouradas precintou simbolicamente a entrada principal da praza de touros da cidade, demandando a modificación da lexislación autonómica en materia animal e a consecuente abolición das touradas.  Desta volta, non houbo incidentes cos donos da praza, tal e como sucedera no 2009, e foi salientábel a presenza dos medios de comunicación.

Da Coordenadora aproveitamos para vos convidar a unha proxección de materiais antitaurinos que terá lugar o sábado 7 de agosto ás 20h no centro social Revira (Gonzalo Gallas,4), un acto que porá fin a esta semana de loita antitouradas.

05
Ago
10

Éxito da manifestación antitouradas´2010

FAI CLICK NA IMAXE PARA VERES O VIDEO

Máis dun milleiro de persoas participaron na mobilización celebrada o pasado sábado en Pontevedra para esixir a abolición das touradas, en coincidencia co inicio da feira taurina, que deixou un saldo de doce touros torturados no seu primeiro fin de semana. Máis un ano, o movemento antitouradas demostra que continúa a avanzar na erradicación desta lacra.

Este slideshow necessita de JavaScript.

A marcha partiu pouco despois das 20:00 da Praza da Peregrina, onde rematou unha hora despois, tras percorrer parte do casco histórico e a zona nova da cidade. A Coordinadora Antitaurina de Pontevedra, unha das entidades convocantes, portou varias faixas co significativo lema “Hoxe rexeitamos, mañá aboliremos”. A marcha foi convocada pola Coordenadora Antitouradas e mais pola APDR , ADEGA, BRIGA, C. Ecoloxista do Salnes,  CNT , C.S Revira, Galiza Nova, Plataforma Antitouradas de Pontevedra, Nos-Up,  Os Chichisos, Protectora “Os Palleiros”, Vaipolorio, Verdegaia. Participaron tamén diversos colectivos ecoloxistas , como Galicia Mellor Sen Touradas ou a protectora de Marín, entre outros.

Ao longo do percorrido, desenvolvido ao longo dunha cidade en festas -nas que as touradas só son seguidas por unha minoría- insistiuse no lema escollido para a faixa de cabeceira (A tortura nin é arte nin cultura) entre outros que pedían a supresión das touradas. Na mente de todos os participantes estaba moi presente a recente prohibición das touradas na Cataluya -agradecida expresamente en diversas consignas e pancartas- por medio da aprobación dunha ILP.

A manifestación rematou coa lectura do manifesto elaborado entre as organizacións convocantes, no que se reclama a modificación da Lei de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade (que expresamente exclúe as touradas do seu ámbito de aplicación) para abolir este espectáculo, o final das axudas públicas ás corridas ou a declaración da cidade como amiga dos animais, entre outras medidas, e anímase á sociedade a continuar as mobilizacións ata acadar estes obxectivos.

03
Ago
10

Segue a actividade antitaurina da Coordenadora: asemblea aberta, acción-denuncia e audiencia no concello

Esta semana van continuar as actividades antitaurinas que organizamos desde a Coordenadora Antitouradas.

- Mércores 4 de Agosto:

- Reunión coa concelleira de festas de Pontevedra, Anxos Riveiro. (Concello de Pontevedra, Alcaldía, 13:30h). A Coordenadora trasladará á concelleira as nosas demandas xerais , con especial énfase naquelas que entren dentro das competencias municipais.

-Asemblea Aberta Antitaurina. 20h no C.S Revira (Gonzalo Gallas, 4) . Plantexámola como unha reunión onde membros/as e non membros da Coordenadora, de outros colectivos, e persoas a título individual reflexionemos sobre as novas liñas a seguir e sobre o novo contexto aberto trala abolición das touradas en Catalunya, así como os eixos de acción de cara á abolición na Galiza.

- Xoves 5 de Agosto, 13h:  Acción-precinto simbólico diante da entrada principal da praza de touros.

28
Jul
10

A Coordinadora Antitouradas de Pontevedra loitará para que Galiza tamén prohiba a tortura animal

A entidade celebra o “paso de xigante” que representa a aprobación da ILP no Parlament de Catalunya


A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra manifesta a súa profunda satisfacción polo éxito da Iniciativa Lexislativa Popular “Prou” -respalada por 180.000 sinaturas e aprobada hoxe no Parlament de Catalunya por 68 votos a favor, 55 en contra e 9 abstencións- que desterrará as touradas deste territorio a partir de 2012.

A medida representa un paso de xigante para o movemento antitaurino, xa que demostra a capacidade da sociedade mobilizada para deter a tortura de animais convertida en espectáculo. En realidade, a inmensa maioría da sociedade catalá -ao igual que a galega e a pontevedresa en particular- é desde hai tempo abrumadoramente contraria a este sanguento ritual convertido en negocio para uns poucos, aínda por riba subvencionados con abondosos fondos públicos. Con certeza, a decisión adoptada en Catalunya terá continuidade máis cedo que tarde noutros lugares, particulamente en Galiza: podemos afirmar que esta indignidade ten os días contados.

Neste sentido, a Coordinadora pregúntase de que serve contar cunha Lei de Protección Animal autonómica se exclúe explicitamente as touradas, xa que dificilmente podemos pensar a día de hoxe nun ataque tan cruel e público contra os animais, e aínda contra a vontade maioritaria da cidadanía (por poñer un exemplo, un estudo de Gallup reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas).

Así, reiteramos hoxe as nosas principais demandas amparados por este interesante e proveitoso precedente, que se suma á prohibición das touradas nas Canarias en 1991: o cese inmediato de axudas ás touradas, a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello, a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais” e a  reconversión da praza de touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

Por último, a Coordenadora anima a toda a sociedade a manifestarse o próximo sábado 31 ás 20:00 horas na Peregrina en protesta pola matanza anunciada de 24 touros durante as festas da cidade, e en defensa da abolición desta tortura. A manifestación está convocada por ducias de colectivos de todo tipo.

26
Jul
10

Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo

A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra organiza, un ano máis, un conxunto de actividades encamiñadas a denunciar a tortura convertida en espectáculo que constitúe a “feria taurina”, demandando tanto o cese de calquera promoción ou soporte público ás touradas, a modificación da lexislación para abolir a tauromaquia e mais a declaración da nosa cidade como “antitaurina e amiga dos animais”, considerando, ademáis, que esta mal chamada tradición non ten nada que ver coa historia e tradicións dos galegos e galegas. (Ver abaixo o manifesto da Coordenadora para mais detalles)

A actividade central desta tempada será a Manifestacion do día 31 ás 20h da tarde desde a Peregrina,  baixo o lema “A tortura non é arte nen cultura. Touradas fóra de Pontevedra” .

Este ano a manifestación non está convocada en exclusiva pola Coordenadora, se non que diversos  colectivos e organizacións da comarca serán os que convoquen de forma conxunta: Convocan: APDR , ADEGA, BRIGA, C. Ecoloxista do Salnes,
Coordenadora Antitouradas de Pontevedra, CNT , C.S Revira, Galiza Nova, Plataforma Antitouradas de Pontevedra, Nos-Up,  Os Chichisos, Protectora “Os Palleiros”, Vaipolorio, Verdegaia.

Desde a Coordenadora valoramos como fundamental o traballo coordenado e unitario de cara á erradicación da touradas, de tal modo que asumimos e facemos noso o manifesto unitario para manifestación do día 31 de xullo. (*MANIFESTO UNITARIO)

ACTIVIDADES DA COORDENADORA

VENRES 30 DE XULLO. 20H. CENTRO SOCIAL REVIRA (Gonzalo Gallas, 4)

“As touradas a debate”. Charla-coloquio con Montse Valencia (xurista de Amigos da Terra) e membros da Coordenadora
CANCELADO. Desculpade as moléstias.


SÁBADO 31 DE XULLO.

Manifestación Antitouradas baixo a lenda “A tortura non é arte nen cultura”. Touradas fóra de Pontevedra.
Praza da Peregrina. 20h.

MARTES 3 DE AGOSTO. 11h.

ROTEIRO ANTITOURADAS. Discorrerá polas diferentes institucións Públicas da cidade para entregar vía rexistro as nosas demandas. Ponto de inicio: edificio da Xunta de Galicia en Campolongo. Entregas en: Subdelegación do Goberno Estatal, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra.

MÉRCORES 4 DE AGOSTO. 20H. Centro Social Revira (Gonzalo Gallas, 4)

Asemblea Aberta contra as Touradas. Convite a diversos colectivos e organizacións da cidade para debater as liñas de actuación e socialización de cara á erradicación das touradas.

SÁBADO 7 DE AGOSTO. 20h.

Pasa-rúas antitouradas desde a Praza da Peregrina. Ao remate  iremos até o C.S Revira onde terá lugar a clausura da xornada antitouradas do 2010.

Actividades complementares: instalación dunha mesa informativa na praza da Peregrina.

————————

MANIFESTO UNITARIO PARA O 31 DE XULLO (Descarga en pdf)

A TORTURA NON É ARTE NEN CULTURA. POLA ABOLICIÓN DAS TOURADAS.

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11: “todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.

As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamiento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Ademáis, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.

AS TOURADAS PAGÁMOLAS TODOS/AS: 564 millóns de euros de axudas públicas no 2010

As tempadas taurinas, as escolas e as gandeirías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado. Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.

Por todo isto demandamos:

1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas,

nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.

2. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

3. O cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello.

4. A declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

MANIFESTO DA COORDENADORA ANTITOURADAS PARA A TEMPADA ANTITOURADAS 2010

Continue reading ‘Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo’

05
Jan
10

“Galicia mellor sen touradas” promove mocións en 19 concellos galegos, entre eles Pontevedra

A plataforma antitouradas ‘Galicia, mellor sen touradas’ vai promover mocións nunha vintena de concellos do país para que se declaren en contra dos festexos taurinos, segundo informou este luns nun comunicado.

A asociación iniciou unha campaña baixo o lema ‘Queres que a túa cidade se declare abolicionista?’, coa que asesoran persoas e colectivos interesados en impulsar mocións nos municipios en que residen.

As iniciativas populares promoveranse nun primeiro momento nos concellos de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Narón, Noia, Ribadeo, Monforte, Redondela, Fene, Vedra, Arteixo, A Guarda, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

‘Galicia, mellor sen touradas’ sinalou que o debate aberto para a prohibición das corridas de touros en Cataluña animou a asociación a comezar a campaña “para declarar os primeiros concellos antitaurinos” no país.

Datos estatais

Neste senso, salientan que Galiza é un dos territorios do Estado con “menor afección á tauromaquia”, segundo un estudo de Gallup de 2002-2006 que reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas.

Actualmente, a nivel estatal, hai 74 municipios antitaurinos de diferentes comunidades autónomas (Asturias, Baleares, Cataluña, Euskadi), e “desde hai máis de 16 anos a lexislación de Canarias tampouco permite espectáculo taurino ningún”.

18
Dez
09

O Parlament de Catalunya aproba debater a prohibición das touradas

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada pola plataforma Prou! (Abonda) contra as touradas en Cataluña pasou este venres o seu primeiro trámite parlamentario. O sentido do voto de 67 deputados, impúxose ao de 59 que avogaban emendar totalmente a iniciativa cidadá. Cinco parlamentarios decidiron absterse. Mentres ERC e ICV apoiaron abertamente que a ILP seguise adiante, CiU e PSC déronlle liberdade de voto aos seus representantes. PP e grupo mixto intentaron frear a proposta.

De cara a principios do vindeiro ano, o Parlament discutirá a ILP, que chegou até a cámara catalana avalada por 180 mil sinaturas. Os promotores da iniciativa piden que se reforme a Lei de Protección de Animais para que non se poidan celebrar touradas en Cataluña.

17
Out
09

Solidariedade e apoio da Coordenadora a Xulio Fernández, portavoz de “Matar por matar non”, agredido por cazadores

Desde a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra queremos solidarizarnos e amosar o noso completo apoio a Xulio Fernández, portavoz da plataforma ecoloxista amiga “Matar por matar non“, que foi en días atrás obxecto dunha malleira por parte duns cazadores desaprensivos mentres se atopaba nunha das súas propiedades. Denunciamos a actitude cobarde de quen non sabe se non expresarse coas persoas do mesmo xeito que o fai cos animais, mediante o maltrato e a violencia irracional.

Xulio é amigo e apoiante , conxuntamente con “Matar por matar non” dos antitaurinos de Pontevedra desde a nosa fundación. Desde esta humilde xanela na rede, recebe o noso mais afectuoso apoio.

Mais info. sobre a agresión en vieiros.

05
Ago
09

Nova galeria de imaxes sobre a manifestación 2009

Apresentamos unha nova galería de imaxes que recolle a exitosa manifestación antitouradas deste ano 2009.




Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

DSC00186

DSC00183

DSC00175

DSC00180

More Photos

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 27,411 visitas

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.